O DESAFÍO DO SIL

SINOPSE

En 1959, Diotino, empregado de Saltos del Sil, traballaba día e noite para mitigar os efectos dunha riada que facía perigar as presas de Santo Estevo e San Pedro. Os seus veciños, agricultores, seguían coas súas rutinas. Non eran conscientes da catástrofe que roldaba as obras. Tampouco da transformación que ían soportar as comarcas e as súas vidas cando estas rematasen.

Un retrato dunha época, a través da retórica dos filmes de arquivo, dos protagonistas, e dunha historiadora, que deixa patente a construción do relato oficial do progreso.

FICHA TÉCNICA

·Título orixinal: O desafío do Sil
·Duración: 67 minutos aprox.
·Dirección: D. D.Docampo
·Guión: D. D. Docampo
·Produción executiva: D.D. Docampo, Manolo Gómez
·Música: Arturo Kress
·Fotografía: Miguel Ares
·Colaboración fotografía: Victorino Lourido
·xefa de produción: Maruxa Barreiro
·MontaXe: Xosé González
·Porodución: Simón Vázquez
·Ilustracións: Suso Cubeiro
·Son: Ariel Muchnik, Julio López
·Produtora: Socialdocs
·Distribuidora: Socialdocs

 

 

PROTAGONISTAS
·Juan García Benítez
·Francisco Blanco
·Susana Chávarri
·Rogelio Díaz
·Francisco Delgado
·Abilio Mojón
·Xoán Carlos Nóvoa
·Diotino Pombar
·Ricardo Yagüe

A HISTORIA

En 1945, España vivía unha época de penuria marcada pola autarquía xurdida das
formulacións nacionalistas do Réxime de Franco, e do illamento exterior que sufriu tras
a Segunda Guerra Mundial.
Nesta contorna, un grupo de industriais e banqueiros entre os que se atopaban Ignacio
Villalonga, o Conde dos Gaitanes, Pedro Barrié da Maza, Juan Antonio Bravo, Emilio
Botín, Joaquín Reig, e outros representantes do poder económico da época; constitúen
Saltos do Sil.
Esta empresa será a encargada da explotación da bacía do río Sil, desde a
desembocadura do río Cabrera ata a súa confluencia co Miño. Durante décadas, as
obras nas bacías, do Sil e os seus afluentes, transformarán unha paisaxe e unha
sociedade totalmente rurais. Os equipos de traballo comandados por novos
enxeñeiros, con apenas experiencia en obras deste tipo, conmocionarán a contorna
creando unha nova realidade xeográfica, social e económica. Algunhas das obras
converteranse en referentes europeos pola súa audacia e técnica. Algo sorprendente
se temos en conta a escaseza de materiais e de persoal cualificado na época.
Zonas agrícolas, e sen apenas vías de comunicación, converteranse en núcleos
industriais mentres duran as obras. A riqueza que se crea é fundamental para unha
España necesitada de enerxía. O prezo desa riqueza pagarano os traballadores cunhas
duras condicións laborais, e os habitantes das comarcas que verán como o chan fértil,
e nalgúns casos os seus fogares quedan baixo as augas.
Nesta época, traballar nas obras significaba un soldo fixo, acceso a servizos médicos, e
en moitos casos ao economato; uns beneficios que os agricultores, cunha economía de
subsistencia, e sen soldo fixo; sen dúbida tamén anhelaban. As zonas de influencia dos
saltos, ven xurdir unha nova clase social “os traballadores do Sil”, ao mesmo tempo
que ven desaparecer os modos tradicionais de vida.

NOTAS DO DIRECTOR

· Cheguei a dirixir o documental por casualidade. Nunha biblioteca atopei o libro de Susana Chávarri “A construción dos Saltos do Sil. 1945-1965”, lino con voracidade, xa que falaba dunha historia que eu coñecía, algúns protagonistas eran os pais de compañeiros de estudos; e ademais eu mesmo traballei unha temporada nos saltos de Santo Estevo e San Pedro.

· O descubrimento do material de arquivo foi fundamental para construír a narración. Eran unhas imaxes que plasmaban unha época de esforzo cunha retórica propia do “desarrollismo” pero na que se retrataba aos traballadores
con moita sensibilidade.

· As imaxes e locucións de arquivo están combinadas con material filmado agora, de tal xeito, que eu mesmo dubido da autoría dalgunha das imaxes. Quería que ao público lle pasase o mesmo, que sentise confusión. O obxectivo é provocar
unha reflexión sobre a narración, e construír un novo discurso coa retórica das películas de arquivo para, a través dunha montaxe irónica, cuestionar o discurso oficial da época.

· Buscaba construír a narración do documental seguindo as películas publicitarias dos anos 50 a 70. Quería facer patente a construción do relato do “progreso”.  Deixar claro que o discurso oficial silenciaba totalmente as circunstancias e as
voces dos traballadores e das persoas prexudicadas polas obras.

·A maioría dos temas que máis me preocupaban, vervalízanse pouco. Únicamente están nas imaxes.. O fin do campesiñado, o poder do capital, a igualdade de xénero, a violencia contra o rural e contra a natureza…

· Era importante tamén para mín, retratar o fin dunha clase social, dun xeito de vida: o campesiñado. Tamén me interesaba a ética do esforzo, algo que compartían enxeñeiros e obreiros.